< Blog

Atmósfera

2021/03/12

L´Homme Machinew

PARA UN CUADRO DE DARYA VON BERNER

No bastidor das luces diagonais que un deus dispón
a máquina dun home abriu a Praza, unha clareira
no centro da complexa
fondura dos olivos. Para os cervos
foi instaurado un círculo celeste
onde eles se demoran no placer e asi adiviñan
que os ollos desta parte están mirando
ao mundo resumir en território
tan breve o seu difícil corpo esférico.
Ali os cervos escoitan o rumor
con que os signos sensíveis eternizan
a esfera provisória da hora azul.

E mentre Darya estaba trascendendo
un fragmento do espazo en luz terrestre
pasou o xabarín. Abriu un campo
de gasas que eran noite, unha avenida
a descer entre as xestas, un siléncio
que explicava o rumor. Darya mirou
a construcción das ruas infernais,
o vacio na música da fraga,
e resumiu a vida no deseño
da atmósfera absoluta dun instante :
cando os cervos dormian.

Xosé María Álvarez Cáccamo
Madrid 20 setembro 1988

Clareira : claro del bosque
Xabarín : jabalí
Xestas : retamas